venres, 25 de xaneiro de 2013

Teño que medir as concentracións de radon na miña casa?

Sen dúbida, si. Porque case toda Galicia é unha zona de alto risco. Porque se pode facer dun xeito sinxelo e  dende prezos razonables (a partir duns 40-80 € máis IVE). E porque, se os resultados son elevados, podemos tomar medidas correctoras sinxelas e a custos razonables. Estas medidas permitirannos respirar un aire máis sano nas nosas casas.

Sabemos (dun xeito estatístico) que algo máis da metade dos fogares do Concello de Dodro teñen concentracións de radon por riba dos límites considerados saludables (a situación, na práctica, non é moi diferente do que acontece en Padrón, Rois ou Santiago e, en xeral, no resto de Galicia). Como se trata dun gas invisible, inodoro e insípido, o único xeito de saber a cal das dúas metades pertence a nosa casa é medindo.

Hai moitas cousas que as institucións poden facer en relación con este problema de saúde pero, si se me permite opinar, penso que os concellos non van pagar as medicións na maioría dos edificios privados (ogallá que me equivoque). Por outra banda, o laboratorio de radon de Galicia, da Universiadade de Santiago de Compostela, fai medicións de valde para o seu proxecto do Mapa de Radon de Galicia. Estas medicións están subencionados polas diferentes administracións e tómanse naqueles concellos nos que o consideran necesario para completar o mapa. Segundo me confirmou o responsable do laboratorio fai uns días, neste intre atópanse á espera de novos fondos da Unión Europea para continuar co proxecto pero, ata entón, non teñen ningún presuposto asignado e non están facendo medicións científicas. O laboratorio si mantén, sin embargo, unha actividade comercial e realizan medicións para todos aqueles que o soliciten. Pódense ver as tarifas aquí.

De xeito que o mellor é poñernos mans á obra. Sen presa, pero sen pausa. E sobre todo sabendo que, se as medicións dan altas, o máis que pode pasar é que decidamos gastar 300, 500 ou 1000€ en mitigar o radon do noso fogar. Marchar da casa non está dentro dos plans!



Nunha vindeira entrada neste blog: Como facer a medición?



Ningún comentario:

Publicar un comentario