Os concelleiros nacionalistas de Dodro veñen de presentar unha moción para solicitar do Concello a adopción de medidas para paliar os efectos do gas radon sobor da saúde dos veciños. Trátase dunha iniciativa moi pertinente pois ó gas radon domiciliario é considerado un problema de saúde pública e algúns concellos de Terra de Iria (nomeadamente Rois, Padrón e Dodro) son recoñecidos por diversos estudos da Universidade de Santiago de Compostela como áreas de álto risco. Neste senso, a análise e intrevención sobre este problema pode salvar vidas e, polo tanto, é desexable a toma de medidas por parte das autoridades.
Nembargantes, nos últimos tempos teño identificado, tanto na rúa como nas redes sociais e algúns medios de comunicación, unha crecente preocupación en relación con este asunto que probablemente responda a unha interpretación incorrecta dos datos científicos dispoñibles ó respecto.
Calquera acción que se inicie neste senso ten que servir para mellorar a saúde e a calidade de vída das persoas e non para deteriorala incrementando a súa ansiedade.
O radon é un gas radiactivo invisible, inodoro e insípido que emana das rochas graníticas do solo e se acumula nos fogares en concentracións moi variables en función de distintos factores: características do subsolo, estación do ano e tipo de construcción (que determina as vías de entrada do radón na casa e o ciclo de recambio do aire no seu interior).
Poden ler máis sobre o radón nesta outra entrada do blog.
O radón é recoñecido pola Axencia Internacional da Investigación sobre Cancro (unha axencia da organización mundial da saúde) como causante de cancro de pulmón. Existe algunha dúbida no caso da leucemia e algun cancro de pel, pero non se puido demostrar ate o de agora a asociación deste gas con ningún outro cancro que non sexa o de pulmón. Polo tanto, pretender relacionar un
hipotético aumento dos casos de outros cancros na bisbarra co radon carece totalmente de base científica. Este
hipotético aumento habería que demostralo con estudos axeitados posto que, nestes asuntos, as impresión case sempre enganan.
En moitos paises o radon é a segunda causa de morte por cancro de pulmón despois do tabaco. Pero isto non é debido a que o radon teña una "capacidade" moi alta de producir cancro de pulmón, ou a concentracións moi elevadas do mesmo, coma nas minas de uranio, senon a que son moitos os millóns de persoas que están expostas a este risco durante moito tempo. De feito, todo o mundo respira certa cantidade de radon ó longo do día, e non existe un nivel soleira por enriba do cal apareza o risco. O risco de cancro aumenta de forma lineal coa concentración e tempo de exposición dende as cantidades máis pequenas, sen un nivel de seguridade. Os niveis máximos que se citan reiteradamente son establecidos polos organismos internacionais, que incluso os varían en función da situación de partida de cada pais. Así, a OMS recomenda "unhas concentracións nacionais de referencia de 100bBq/m3, pero se as condicións que prevalecen no pais impiden acadar polo momento esta cifra, o valor de referencia non debe sobrepasar os 300 Bq/m3".
Como resumo podemos dicir que radon, canto menos mellor, pero con tranquilidade. É inevitable respirar unha certa cantidade (entre 5 e 15 Bq/m3 no aire exterior), do mesmo xeito que é inevitable expoñerse á radiación solar. O que hai que evitar é queimarse co sol, que é distinto.
É certo que Dodro é o concello de Galicia onde se identifican máis fogares con niveles de radon por riba dos 200Bq/m3 nun estudo da
Universidade de Santiago de Compostela. En concreto algo máis da metade (57,1%). Considérase de alto risco unha concentración superior ó 10% dos fogares.
Pero tamén é certo que en Dodro foi onde menos casas se mediron dos tres concellos da bisbarra: sete casas fronte a 32 en Padrón (40,6% por riba dese nivel) ou 11 en Rois (18,2%).
Estes datos plantéxanme dúbidas dende o punto de vista estatístico, pois é posible que sete medicións sexan poucas para extraer conclusións definitivas. Pero en todo caso parecen apuntar claramente a que se trata dunha zona de alto risco.
Por todo isto, paréceme axeitada e desexable a promoción dende as administracións públicas de novos estudos sobre a concentración de gas radon non só nos fogares, senón tamén nas escolas e centros de traballo do Concello de Dodro. Pero simultáneamente debemos proporcionar ós veciños as ferramentas e informacións, claras e concisas, que lles permitan afrontar o problema con serenidade e eficacia. Nas vindeiras semanas tentarei por o meu gran de area traendo algo máis de información a este blog coa etiqueta
Radon.
O gas radon leva séculos nos fogares de Dodro. A principal diferenza é que agora sabemos del e podémos medilo e eliminalo.