luns, 25 de agosto de 2014

Luar



Luar sobre a boca da ría do Barqueiro dende o Porto de Bares, cos faros da illa Coelleira e punta Roncadoira ó fondo

sábado, 23 de agosto de 2014

Roteiro circular do Ulla derradeiro

Non deixedes de facer este roteiro. É moi sinxelo e marabilloso. En bici leva un par de horas e, a andar, pódese facer nunha xornada. Ten case 33 Km de lonxitude e percorre terras dos concellos de Dodro, Rianxo, Catoira, Valga, Pontecesures e Padrón.

Preséntanos unha panorámica única, dende terra, das brañas que acompañan ó río Ulla nos seus derradeiros kilómetros, antes de desembocar no mar da Arousa. Podemos gozar da súa flora e fauna, de valor incalculable, e espreitar á escribenta das canaveiras, ameazado endemismo que atopa neste ecosistema un dos seus últimos santuarios de nidificación en todo o planeta. Seredes moi afortunados se conseguides vela.

As brañas de Laíño e a veiga de Lestrobe foron cantadas por Rosalía. Nelas ambiéntase tamén a trepidante escea derradeira da novela Pensa Nao, de Anxo Angueira. Outra novela de seu, Iria, tomará o rio e as brañas coma un dos seus personaxes principais.