Arredor deste blog

Ola. Chámome Eduardo Rivo e este é o meu blog. Por iso vou debullar nel algúns temas que me interesan e quero partillar. Probablemente han ser cuestións ben heteroxéneas. Mesmo é probable que eu sexa o único nexo entre moitas delas. Por iso, para impoñer orde, o blog está estructurado en catro etiquetas principais que se amosan xusto debaixo da cabeceira, a saber:


Tórax

Con esta etiqueta sinalo tódalas entradas relacionadas coa miña profesión en xeral e en concreto coa miña especialidade, a cirurxía do tórax.


Foto

Con esta etiqueta marco todo o relacionado cunha das miñas afeccións máis antigas: a fotografía. Poden ir dende as miñas propias fotos ate a técnica ou os meus fotógrafos favoritos.


Amolando o serrón

Aquí cabe todo aquilo que nos axuda a ter as nosas ferramentas principais, cabeza e corpo, prontas para a acción, a ser máis efectivos en tódolos aspectos da nos vida. Dende o deporte ata as habilidades web 2.0, pasando polo entreno persoal. Un follón.

Comentarios (doutos)

Nesta etiqueta vai todo o demáis.


Tamén pode ocurrir que un comentario teña máis de unha destas etiquetas e, por suposto, tamén hai moitas outras etiquetas secundarias que se amosan na nube de etiquetas da marxe dereita.


A foto de perfil

A foto de perfil amosa a miña silueta, cámara en ristre, reflictida pola auga da choiva recollida nun sartego antropomorfo do cemiterio de Adina. Para min esta imaxe encerra máis de un símbolo. 

Nela podemos ver os catro elementos clásicos: a pedra que é da terra, a auga, o aire do ceo reflictido e o lume da miña respiración celular que necesariamente se ha de apagar na auga contida no sarcófago. É o símbolo dun fado que, como cirurxán, non me pode resultar estraño.

Adina é o camposanto de Santa María de Iria, capital do arciprestado das Terras de Iria, terras onde me eu criei.


O título

O título deste blog, O Doutógrafo, procede dun roubo (sen violencia) a Cris. Síntoo, pero e que é moi ben acaido: medicina, fotografía, escritura... xa me entendes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario