O Crucifixo
(...) A téinica dos artistas da pedra de Galiza sigue imbuída pol-o mesmo esprito que animou aos prerrenacentistas, cando a ideia estaba por riba da realidade e o sentido decorativo prevalecía sobor dos coñecimentos anatómicos. Esta verdade ponse de bulto no estenso repertorio de estilizacións do peito e ventre de Cristo, que recollemos con moito coidado e que damos na Fig. 65. Compre advertir que semellantes estilizacións non se ven repetidas nin en crucifixos labrados por un mesmo artista. A variedade é tanta que non se pode medir pol-o repertorio que oferecemos, pois ainda quedaron moitos centos de cruceiros en Galiza sen que nós poideramos velos. Para dar ideia desta variedade lembraremos o cruceiro de Carballedo (Cotovade), no que o nú do Cristo encravado na cruz non sóio é diferente do que repousa no colo da Virxe das Angustias, senón tamén dos nús de Adan i Eva, que figuran no Paradiso que o mesmo cruceiro presenta. Os canteiros galegos son máis afeizoados a este xénero de estilizacións que os canteiros de Bretaña, e para buscar semellanza teriamos qeu recurrir aos crucifixos arcaicos. O luxo de estilizacións labradas no corpo encoiro de Cristo, que nos cruceiros galegos se poden recoller, sóio é comparabel ao das pinturas muraes do ciclo románico e dos esmaltes franceses e alemáns do século XIII. (...)
Castelao ADR, As cruces de pedra na Galiza. Edicións Akal. 1990.
Ningún comentario:
Publicar un comentario