luns, 3 de decembro de 2012

Cirurxián

Cirurxián

A peste chegou en barco ás costas de Galicia en setembro de 1348 e estaba causada polo bacilo de Yersin, que portan as ratas e outros roedores, pero non é patóxeno para eles. A poboación, debilitada pola malnutrición, foi vítima da pandemia. Os afectados caracterizábanse por unha dolorosa inchazón nos nódulos linfáticos no pescozo, sobrazo e inguas, coñecida como bubón, polo que foi considerada como un brote de peste bubónica. Producía febre alta, sede intensa, náuseas e esgotamento, e manifestábase de tres formas: a peste bubónica, a pulmonar e a septicémica. Esta maldición, xa mencionada na Biblia, ten a súa propia iconografía e aparece con frecuencia representada na Idade Media en diferentes soportes. Con todo, en Galicia non posuímos imaxes dos doentes desta enfermidade e Seoane volve ocuparse da xente que padeceu e morreu a causa deste mal. Amais de reparar neles na súa obra literaria, tamén representa nestes gravados en madeira as diferentes vítimas desa dolorosa e mortal epidemia. Non existe iconografía galega dos apestados; só talvez nomes dalgúns. Seoane solidarízase coa dor e coa morte e dálles un rostro. Ao médico dedícalle o poema "Bernardo o físico" en Na brétema, Sant-Iago, de 1956. Tocante aos cirurxáns, tampouco existen imaxes en Galicia e con probabilidade esta estea tomada dalgunha xermana onde aparecen cubertos cunha máscara para protesérense do mal.

Do libro:
Seoane, Luis. Imaxes de Galicia: 72 xilografías orixinais. Ed. comentada. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2010. p. 78-79

Ningún comentario:

Publicar un comentario