venres, 18 de xaneiro de 2013

Radon e cancro de pulmón




...o radon é un carcinóxeno ocupacional tradicionalmente 
relacionado coa minería, que si parece ter importancia no contexto
doméstico. Trátase dun gas inerte procedente da desintegración do 
radio, á súa vez produto da desintegración do uranio 238. O radon é unha
fonte de radiación de alta transferencia lineal de enerxía, posto que entre
os seus produtos de desintegración, os isótopos radiactivos
denominados proxenie do radon, se atopan o polonio 218, polonio 214 e
polonio 210, emisores de partículas alfa con potentes efectos
degradadores tisulares. Estes isótopos radiactivos adhírense a partículas
suspendidas no aire e, tras ser inhalados, deposítanse no tracto
respiratorio onde a liberación de partículas alfa causa danos ó material
xenético celular. Estimouse que entre 15.000 e 20.000 mortes anuais
por cancro de pulmón nos Estados Unidos se deben ó radon, o que
suporía un 10 % de todos os casos. O cálculo para Europa é similar, ao
alcanzar as cifras estimadas o 9 %. Os estudos de casos e controis sobre
exposición doméstica mostran unha asociación significativa entre esta e
o cancro de pulmón, que é cuantitativamente consistente coas
extrapolacións obtidas a partir de estudos sobre exposición ocupacional. 
Aínda que se publican resultados contraditorios, a evidencia
acumulada suxire que a natureza desta asociación é de tipo lineal,
directamente relacionada cos niveis de gas e o tempo de exposición, e
sen que exista un limiar de seguridade.

A concentración ambiental de radon exprésase en número de
desintegracións por unidade de tempo e volume de aire. Un becquerelio
por metro cúbico (Bq/m3) representa 1 desintegración por segundo e
metro cúbico. Un picocurie por litro (pCi/L) equivale a 37 Bq/m3. A
concentración ambiental media de radon é 0,2 pCi/L. Un estudo
realizado nos Estados Unidos en 1991 atopou un nivel
medio de radon no interior das casas de 1,25 pCi/L, discretamente
superior ós niveis ambientais no exterior. Non obstante, nalgunhas casas
atoparon niveis por enriba de 100 pCi/L. A casa Watras, onde se
identificaron por primeira vez en 1984 altas doses domésticas de radon,
aínda conserva na actualidade a marca máis elevada con 2500 pCi/L.
Os principais factores responsables da concentración de radon nunha
casa son a taxa de recambio do aire no seu interior e, fundamentalmente,
as características xeolóxicas do terreo sobre o que esta asenta, entre as que
xoga un papel importante a composición granítica. Algunhas das cifras
máis elevadas de radon residencial no mundo corresponden ó sueste de
Inglaterra, área xeográfica coa que Galicia e o norte de Portugal
comparten unha grande afinidade xeolóxica. Isto explica as elevadas
concentracións de radon detectadas nos fogares galegos, que non soamente
se asentan sobre granito senón que, en moitos casos, están construídos con
el. De feito, o noroeste peninsular é considerado unha área de risco ó
atoparse nun de cada catro fogares estudados concentracións de radon
iguais ou por enriba de 148 Bq/m3, fronte a só un 13 % dos fogares no
conxunto de España. Ademais, o estudo de casos e controis con base
poboacional, publicado no ano 2002 por Barros-Dios et al. da
Universidade de Santiago de Compostela, é pioneiro ó identificar un risco
2,5 veces superior de cancro de pulmón para exposicións tan baixas como
1 pCi/L (37 Bq/m3), inferiores ós limítes oficiais de 148 e 200 Bq/m3. A
media aritmética da concentración de radon determinada, para os fogares
da bisbarra compostelá por esta investigación, foi de 129,5 (desviación
estándar 136,9) Bq/m3 e a media xeométrica de 69,3 (desviación estándar
xeométrica 2,8) Bq/m3. As administracións deben de promover estudos
que permitan precisar o efecto destas elevadas doses domésticas de gas
radon sobre a saúde da poboación e impulsar o desenvolvemento de
recomendacións de saúde pública adaptadas á nosa realidade.


Do libro: Rivo E. Aplicabilidade do modelo CRISP-DM á cirurxía do cancro de pulmóno. O problema da idade. Vigo: Universidade de Vigo, 2012; 44-46.

Ningún comentario:

Publicar un comentario