venres, 4 de decembro de 2020

Vacún

 

Gando pacendo nas Brañas de Laíño



"Coa herba das brañas alimentábanse os bois cebóns de Laíño que

tiveron sona de proporcionar as mellores carnes do país. Inglaterra primeiro,

e despois Madrid, foron os principais mercados ós que se destinaban.

Escribe sobre eles a fins do século XVIII Pedro Antonio Sánchez,

cóengo e catedrático compostelano. Figuran no Diccionario geográfico y

estadístico de España y Portugal (1826 – 1829) de Sebastián Miñano que

fala dos moi excelentes pastos dos Laíños cos que se engordan “os mellores

bois de Galicia”, no gran Diccionario geográfico universal…, por una

sociedad de literatos (1831), en Murguía, en Rof Carballo e mesmo na

obra do autor francés Pierre Aristide Adolphe Lefour (1881), experto

acreditado en temas agrícolas e gandeiros. Debían de ser pachorrentas dabondo

as xugadas, a turrar polos arados vesadoiros nestas terras de lentor,

porque Antonio de la Iglesia (1886) deixou recolleita a expresión Con

máis calma que un boi de Laíño. Acomerábanse tamén co pasto dos herbais

as nosas vacas, que non están nos libros pero si na memoria de todos,

porque Dodro foi terra delas e de leiteiras andaregas que percorrían cada

día os vieiros da Terra de Iria para achegarlles ós de Padrón, ós frades de Herbón, 

a Valga e a Cesures o leite morno das canadas da mañá en latas,

bidóns e calderetas. Xa antes da guerra, levábase en camións a Vilagarcía

e a Compostela, onde se vendía na Praza de Cervantes. A “Cooperativa

Laeiteira de Laíño” (A Unión) púñase como exemplo de cooperativismo

agrario nas revistas españolas especializadas da época; así, na “Actualidad

Veterinaria” (1923), dirixida por Gordón Odás, ministro da República.

Arredor desa arela comunal trenzou Anxo Angueira a tea da Pensa Nao."


De Manuel Lorenzo Baleirón. Toponimia de Dodro e Laíño. Os nomes na auga.

Ningún comentario:

Publicar un comentario