Hai un ano que publicaba, tamén nesta bitácora, a foto que precede. Nela podemos ver a Eusebio, Anxo, Rogelio, Manolo, Pepe, Manolo o de Sar... Uns rapaces de Laíño nun xantar. A importancia da imaxe reside en que tres deles estaban chamados a se convertir en auténticos referentes da nosa literatura.
Nós pensabamos que tiñamos a imaxe perfectamente datada. Porén, nos petiscos que o Concello de Dodro ofreceu despois da entrega do XXVII Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón xurdiron as primeiras dubidas e a polémica mesmo se prolongou algún día nas redes sociais. A opinión máis numerosa sostiña que era unha foto correspondente á voda de Lito da Pintora.
Nos días que seguiron iniciamos as pescudas. Foi bastante frustrante comprobar que a casete de VHS en que tiñamos que atopar a resposta estaba sobreescrita cun partido de fútbol. Pero seguimos adiante e, coa colaboración dos contraentes, atopamos unha bobina de Super 8 correspondente a unha voda.
A fita era de duración moi curta e estaba en bastante mal estado. A secuencia crucial duraba apenas uns segundos. Mais, unha vez dixitalizada, falou sen deixar lugar a dúbidas: a imaxe corresponde á voda de Paco da Romera, que se celebrou en Rianxo o 2 de setembro de 1978. Tería polo tanto Eusebio 16 anos naquel intre.
Déixovos a seguir algunhas imaxes das que puidemos extraer da fita. Son imaxes sen banda sonora, imaxes do silencio, coma a Gramática do silencio que nos deu Eusebio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario