venres, 31 de maio de 2013

Día Mundial Sen Tabaco

Hoxe é o Día Mundial Sen Tabaco. Este día, instituido pola OMS, ten por obxecto fomentar un periodo de 24 horas de absetinencia de consumo de tabaco en todo o mundo. O seu logotipo é esta imaxe. 


" O carcinoma broncoxénico é o cancro que máis mata en todo o
mundo.1 Ocupa o décimo lugar entre todas as causas de morte no planeta
e estímase que nos próximos anos pasará a ocupar o quinto.2 Segundo os
datos proporcionados pola International Agency for Research on Cancer
(IARC) no ano 2002 faleceron 965.241 homes e 386.891 mulleres por esta
causa,3 e todos os prognósticos apuntan cifras moi superiores para o ano
2020.4 A diferencia doutras enfermidades, que se ceban nos máis pobres,
este é tamén o cancro que máis mortes causa nos países desenvolvidos,5 a
pesar de tratarse dunha causa de morte evitable e de ser unha enfermidade
infrecuente, a principios do século XX.6 Pero a partir de 1930 a incidencia
e mortalidade (figura 1) do cancro de pulmón iniciaron un crecemento
continuado entre os homes de Europa e América do Norte, de igual modo
que o está a facer agora nos países en vías de desenvolvemento. As mulleres
do primeiro mundo experimentaron unha tendencia similar, malia que
cunha incidencia moi inferior e 30 anos máis tarde.7, 8


Durante a primeira metade do século pasado este fenómeno logrou
sementar o desconcerto entre a comunidade científica. A finais dos anos
1940 o tabaco non era máis que outra hipótese –xunto coa gripe, a
tuberculose, a bronquite crónica, o incremento do fume dos automóbiles
ou a polución ambiental xeral– no debate etiolóxico do carcinoma
broncoxénico.7 Malia que xa nas décadas de 1920 e 1930 varias series de
casos apuntaban ó consumo de cigarros como causa de cancro de pulmón,1
non foi ata 1950 cando os primeiros estudos epidemiolóxicos de casos e
controis, levados a cabo en Gran Bretaña e Estados Unidos, demostraron
que o consumo de cigarros estaba fortemente asociado co risco de padecer
esta neoplasia.9, 10, 11 Isto motivou, xa en 1962, a primeira intervención

dende 1725 do Royal College of Physicians de Londres nun asunto de
saúde pública5 coa publicación dun convincente documento sobre a
evidencia da relación entre tabaco e cancro de pulmón: Smoking and
health: summary of a report of the Royal College of Physicians of London
on smoking in relation to cancer of the lung and other diseases.12 Dous
anos máis tarde esta evidencia foi considerada tamén suficiente polo US
Surgeon General para concluír que “o consumo de cigarros supón un risco
para a saúde de suficiente importancia nos Estados Unidos como para esixir
a adopción demedidas correctoras”1 (táboa 1). A publicación deste informe
supuxo o inicio do declive do consumo anual de cigarros per cápita nos
Estados Unidos, aínda que na actualidade existe preocupación ante a
posibilidade dun repunte da incidencia da enfermidade neste país a causa
dun novo incremento no consumo de tabaco.5 A inequívoca asociación

entre o consumo de cigarros e o carcinoma broncoxénico é unha das
asociacións causais máis solidamente documentada en toda a investigación
biomédica6 e, a pesar diso, estímase que a metade dos homes do planeta e
unha de cada dez mulleres fuman.5 Mentres eles empezan a fumar máis
novos, durante máis tempo, inhalan máis profundamente e consumen
cigarros cun maior contido en alcatrán, elas en contrapartida presentan
un risco relativo de cancro de pulmón, axustado por idade e consumo
medio, máis elevado. (...)"


Do libro Aplicabilidade do modelo CRISP-DM á cirurxía do cancro de pulmón. O problema da idade. 


Está publicado baixo unha licenza creative commons e pódese descargar de xeito gratuito na sección de recursos da web www.toracica.org, tanto no formato da tese (arquivo PDF, 256 páxinas en cor, 91,8 Mb), como no formato do libro (arquivo PDF, 186 páxinas en cor, 4,3 Mb).

Os nostálxicos poden solicitar unha copia impresa do libro (186 páxinas en BN) no enderezo libro@toracica.org (PVP 12€, IVE incluido. Gastos de envío non incluidos).





Ningún comentario:

Publicar un comentario