xoves, 31 de decembro de 2020

Conclusión



https://eduardorivo.arcadina.com/lang/gl/galeria/kallaikoi/as-vedraias


Estamos a piques de completar outra volta arredor do sol e é costume facer balance. A miña conclusión despois do vivido é que neste país cada un anda ao seu menos eu, que ando ao meu. E se andaramos algo menos ao noso e algo máis ao de todos mellor nos iría. Pero claro, que lle vas pedir á xentiña se mesmo os escolleitos polas súas “hipotéticas” mellores aptitudes, con presuntas exemplares actitudes, son os primeiros en se arrebolaren os mortos e en arrimar as ascuas dos crematorios á súa sardiña. E aínda así non son estes os que me decepcionan, senón os humildes co seu silencio (que non mansedume). É por isto que non estamos tan lonxe da barbarie como cremos. 

Neste ano no que perdemos un pouco máis a fe nos nosos conxénerestivemos que saír buscar a redención alén das nosas fronteirasna comunidade científica internacional, pois a nosa está agoniante. A resposta da ciencia planetaria foi inspiradora non tanto polo prodixio dos seus achados como pola xenerosidade coa que foron partillados. Esta foi a pequena fenda pola que entrou a luz. Polo demais, das portas para adentro, nin a épica loita dos que chamades heroes me reconforta porque, deixemos de finxir, todos sabemos que non son senón víctimas tamén: forzados polos silenciosos a aceptar condicións inaceptables se queren seguir gañando o pan de cada día. Mal pagados e maltratados. Mal comidos e mal durmidos durante os turnos inhumanos. Silencio.

 

Mais, do mesmo xeito que a decepción me acompaña no remate do ano, dispóñome a recibir o que entra a mandobrazos. Non hai alternativa porque, para que a luz entre pola fenda, ten que existir a escuridade. Hai un Ashla e un Bogan, un Yang e un Yin, un Deus e un Demo. O ben e o mal que nunca descansa e hai que combater. Para os que escollen a virtude non basta con ser un asceta, é necesario ser un monxe guerreiro: un Jedi, un shaolín, un templario... Non habería obxección a unha morte aferrado á custodia se non fose polo silencio atronador. Non por nóssenon polos nosos, é preciso agardar a morte brandindo a Milmanda! 

 

Que así sexa.