sábado, 18 de abril de 2015

Tren


Paso a nivel en Pontecesures (Pontevedra).

martes, 14 de abril de 2015

Salto

Atalante de Manolo Coia, no faro de Punta Nariga, obra de César Portela. Malpica de Bergantiños (A Coruña).

luns, 6 de abril de 2015

Tema 38. Patoloxía da parede torácica 2015

O tema 38 resulta moi extenso pois engloba nunha soa clase un grupo moi heteroxéneo e amplo de patoloxías que presentan o único nexo común de afectaren á parede torácica.

Durante as clases tratarase de sinalar e resumir os aspectos esenciais de xeito que nos permita abarcar esta patoloxía nunha hora. Neste senso, resultará de grande utilidade preparar a clase lendo con anterioridade as diapositivas empregadas para a mesma, que se poden descargar en formato .pdf aquí.

Como material complementario recomendo ver os vídeos incluídos nesta outra entrada sobre da anatomía da parede torácica, en concreto sobre dos músculos grande dorsal e serrato anterior. Resultarán útiles para comprender a elaboración de colgallos miocutáneos empregados na reconstrucción da parede torácica.




Horarios

Os horarios das clases expositivas sobre patoloxía da parede torácica son os seguintes:

Grupo A: venres 10 de abril ás 19.30h

Grupo B: xoves 23 de abril ás 20.30h

Grupo C: xoves 9 de abril ás 16.30h

Tema 40.- Traumatismos torácicos. Corpos estraños intrabronquiais. 2015

O dos traumatismos torácicos é un tema relevante da asignatura pola súa importancia clínico-asistencial. Por este motivo, a clase expositiva complementarase cun seminario no que analizaremos un caso clínico. É tamén un tema transversal dado que son moitas as especialidades médicas e cirúrxicas que se ven implicadas nalgunha fase da asistencia ó doente traumatizado torácico.

Durante a clase expositiva tentaremos situar os traumatismos torácicos no contexto da asistencia integral ó doente politraumatizado. É recomendabel empezar a se familiarizar coa terminoloxía e os métodos de soporte vital avanzado en trauma mediante a lectura previa á clase das diapositivas da mesma que poden ser descargadas en formato .pdf aquí. 

Como material complementario aconsello esta outra entrada no blog que nos axudará a comprender mellor a fisiopatoloxía do tórax inestábel.


Respecto ós corpos estraños  endobronquiais pode resultar útil revisar as entradas sobre fibrobroncoscopia e broncoscopia ríxida da web toracica.org. Trátase das técnicas máis empregadas no seu diagnóstico e tratamento.




Horarios:

Os horarios das clases expositivas son os seguintes:

Grupo A: mércores 8 de abril ás 19.30h

Grupo B: xoves 16 de abril ás 20.30h

Grupo C: mércores 8 de abril ás 18.30h

Anatomía dos músculos grande dorsal e serrato anterior

A anatomía destes dous músculos do tórax resulta fundamental para comprender as incisións máis empregadas en cirurxía torácica. Coñecer as súas insercións e pedículos vasculares axúdanos na elaboración de colgallos vascularizados para a reconstrucción da parede torácica, tanto nos casos de destrucción traumática coma trala resección cirúrxica da mesma.






domingo, 5 de abril de 2015

Lúa de Pascua

Primeira lúa chea da primavera erguéndose sobre do Monte Pindo.